Sunday 28 de April de 2024

A liquidación do 2015 amosa o mellor estado financeiro do Concello do último sexenio


A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou esta mañá o resultado da liquidación do exercicio orzamentario de 2015, que reflicte que o Concello cumpre con todos os indicadores económicos e parámetros legais que se avalían na liquidación.

Trátase da primeira vez que o Concello ten a finais de ano (no peche do exercicio económico) menos cobros e menos pagamentos pendentes, o cal “amosa unha clara eficiencia na xestión dos recursos públicos”. O remanente de Tesourería é positivo, amosando un superávit de 5.417.815,31 euros, o máis alto do último sexenio. Estas cifras demostran que o Concello “se atopa nunha situación de solvencia económica”. No caso do Auditorio existe tamén un remanente positivo por importe de 198.755,08 euros.

Inverteuse a dinámica negativa dos últimos anos de minoración no resultado orzamentario, situándose en 9.614.391,44 euros. Tamén se logrou recuperar o aforro manténdose en parámetros aceptables. Por outra banda, durante o ano 2015 “fomos quen de minorar débeda bancaria por un importe de case 5 millóns de euros, 4 en relación á propia débeda e un millón máis de aforro en intereses”. O índice de endebedamento do Concello sitúase agora no 45,67% cando o máximo legal está no 75%. O montante total, despois desta amortización, sitúase en 42 millóns de euros.

Execución orzamentaria
Unha análise detallada do orzamento de ingresos amosa unha boa execución (do 80%), sobre todo nos impostos directos (Capítulo I), que incluirían o imposto de vehículos, o IBI, o imposto de plusvalías, a participación do imposto sobre a renda que se recada dende o Estado e o imposto de actividades económicas. En total logrouse recadar un 103,82% máis do estimado. Esta cifra contrasta cos impostos indirectos (Capítulo II), cunha execución do 83,27%. Esta baixada na execución en comparación cos impostos directos débese ao Imposto de Construcións “cuxa estimación do Partido Popular na elaboración do orzamento de 2015 estaba claramente inflada, como criticou a oposición no seu momento e vén a demostrar agora a liquidación”.

O recadado por transferencias correntes, é dicir, aquelas que fan outras administracións ao Concello de Santiago, acadou o 82,83%. A desviación neste capítulo, tal e como explicou María Rozas, “débese á participación dos tributos do Estado, onde tanto no ano 2014 como no 2015 o anterior Goberno estaba a orzamentar 3 millóns de euros máis dos que lles correspondían”.

Investimentos
O Goberno local logrou executar 2 millóns de euros máis que o ano pasado, gastando 8.852.000 euros, “sendo este resultado o mellor dos últimos catro anos”. A porcentaxe de execución do investimento sitúase, por tanto, no 28% “unha cifra superior en 7 puntos ao executado o ano pasado e 23 puntos por riba que o que nos atopamos ao tomar posesión en xuño, cando apenas se executara o 5%. A concelleira de Economía e Facenda recoñece que “a cifra, a pesar de ser a mellor dos últimos anos, é mellorable, e por iso se traballará durante todo o mandato para mellorar a eficiencia da administración, que conta a día de hoxe cun problema estrutural”.

O informe da Intervención di que “a situación económico-financeira amosa magnitudes de signo positivo a data 31/12/2015. O saldo non financeiro é positivo e o aforro bruto e neto tamén, e o endebedamento atópase por baixo dos limites legais”.

O Goberno local destinará a maior parte dos 5,5 millóns de superávit en investimentos financeiramente sostibles, como pode ser arranxo de viarios, instalacións deportivas e centros socioculturais. Isto é posible porque “cumprimos os requisitos legais para facelo, como son non superar o límite legal de endebedamento e ter un período medio de pagamento inferior a 30 días”. Outra parte destinarase a amortizar débeda de forma anticipada para aliviar a carga financeira do Concello neste punto nos orzamentos de 2017.